Monday 29 de April de 2024

A serra do Barbanza convértese neste domingo en escenario dun trail


O Trail Serra do Barbanza, VIII Carreira de Montaña Concello da Pobra do Caramiñal -que será á súa vez Campionato de Galicia Absoluto e das categorías sub-20, sub-23 e máster de Trail 2021- desenvolverase a partir das 10.30 horas deste 30 de maio, coa saída e a chegada no miradoiro da Curotiña. Trátase dunha proba organizada pola Federación Galega de Atletismo coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, da cal deron conta representantes de cada unha das partes, e que se pode levar a cabo por estar federada.

Participarán máis de 200 deportistas que deberán percorrer unha distancia de aproximadamente 23’3 quilómetros, durante os cales haberá dous puntos de avituallamento, ademais do final na meta. As saídas realizaranse de dúas en dúas persoas, con intervalos de 20 segundos.

Establécense unha serie de premios e agasallos dos cales se fará entrega arredor das 14.00 horas.

A cita deportiva adscríbese á especialidade atlética do Trail-Running e estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

No transcurso deste evento contarase coa colaboración da Protección Civil pobrense e será de obrigado cumprimento en todo o momento o protocolo sanitario FISICOVID-DXTGALEGO.

A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), destacou a beleza da paraxe pola cal deberán transita-los atletas e mailas atletas, e tamén asegurou que “é un pracer para o Concello da Pobra do Caramiñal participar na organización deste evento deportivo.”

Pola súa parte, o presidente da FGA, Isidoro Hornillos, anunciou que se introduce por primeira vez a clasificación por clubs e incidiu en que “vai ser unha proba absolutamente segura para tódolos participantes ao ter tódalas medidas necesarias.”

Na súa intervención, o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure, indicou que o circuíto se modifica “un pouco” para así varia-lo traxecto respecto de anos anteriores, ao tempo que buscan recuperar camiños antigos. Do mesmo xeito, salientou as características da ruta.

Así mesmo, houbo palabras mutuas de agradecemento entre as partes comparecentes, así como á comunidade de montes e á Protección Civil.